Friday 17 de May de 2024

Avanzan as obras do campo de fútbol de Brexo Lema que rematarán o vindeiro mes


As obras do campo de fútbol de Brexo Lema avanzan a bo ritmo tal e como constataron o alcalde, Oscar García Patiño, e o edil de Deportes, Brais Cubeiro, que visitaron esta mesma mañá a instalación deportiva dos Pinares.

Nestes momentos o céspede artificial xa está colocado e só falta aplicarlle a capa de caucho que levan este tipo de superficies. Asemade, xa están instaladas as torres da iluminación e as canalizacións do rego.

O alcalde sinalou que as obras poderían estar rematadas o vindeiro mes de febreiro e anunciou que haberá un acto de inauguración cun pequeno partido de fútbol no que participará, como é previsible, o club da parroquia como anfitrión, e é posible que unha selección do resto de equipos do Concello.

As obras de instalación do céspede artificial e rego no Campo de Fútbol municipal dos Pinares de Brexo- Lema incluída está incluído no Plan de Acción Social (PAS) 2015 da Deputación Provincial da Coruña cun orzamento de 492.102,54 euros.

As obras consisten esencialmente na colocación de céspede artificial para un maior e mellor uso das instalacións, e na mellora do sistema de drenaxe, na instalación dun novo sistema de rego, no cambio dos equipamentos deportivos, a colocación dunha nova varanda de peche e na preinstalación de iluminación e columnas de iluminación no campo.

Hai que lembrar que este proxecto non contemplaba a iluminación do campo, tan só a preinstalación, polo que o pleno municipal aprobou unha transferencia de crédito de 70.000 euros para contratar a iluminación do campo que irá parella a estas obras.